A Pobra e O Grove entran no nivel máximo de restricións

A POBRA/O GROVE> A partires deste venres, A Pobra do Caramiñal e O Grove estarán no nivel máximo de restricións. O comité clínico tomou esta decisión tras analizar o importante aumento dos contaxios de covid19 que se vén detectando en ambos municipios.

O Sergas confirmou hoxe a existencia de 33 casos activos na Pobra e de 40 no Grove, disparando as incidencias dos dous concellos por riba dos 300 casos por cada 100.000 habitantes.

Esta mesma mañá os rexedores de ambos municipios xa contaban con que o comité clínico tomaría a decisión de aplicarlles o nivel máximo de restricións. Recordemos que supón o peche total da hostalería, que só poderá dar servizo a domicilio ou para recoller, e limitar ao máximo a mobilidade dos seus veciños. Así, tanto A Pobra como O Grove quedarán pechados perimetralmente a partir do venres e só se poderá entrar ou saír para actividades xustificadas.

A Illa pasa ao nivel alto

O crecemento de contaxios na Illa de Arousa dos últimos sete días levou ao comité clínico a decretar o nivel alto de restricións no concello. A día de hoxe conta con doce casos activos.

Esta decisión afecta á hostalería, que só poderá servir en terrazas e cunha capacidade do 50%.

Sanxenxo baixa ao nivel medio, onde continúa Meis

As boas novas chegan para Sanxenxo. Aquí os locais de hostalería poderán abrir co interior ao 30% e as terrazas ao 50%. As restricións reláxanse así no municipio, que levaba no nivel alto dende o pasado 26 de marzo.

Hoxe contabilizáronse na localidade 37 casos activos.

Meis, pola súa banda, mantense no nivel medio dende o día 2 de abril.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí