O BNG de Ribeira propón medidas para frear a suba da taxa de saneamento

 RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha alegación á suba da taxa de saneamento que suporá un incremento anual de cen euros. Propoñen rebaixas directas para tódolos consumidores e bonificacións para colectivos vulnerables.

Os nacionalistas ribeirenses propoñen unha serie de medidas para minimizar a suba da taxa de saneamento. Este incremento, que suporá un gasto adicional de cen euros ó ano para os consumidores, prodúcese tras reverter a concesión da depuradora no concello cun custe ttoal próximo ó millón e medio de euros. Se ben, dende o BNG non son partidarios de rebaixas as partidas de mantemento si propoñen unha rebaixa no gasto enerxético incorporando fontes de produción de enerxía renovables.

No seu escrito de alegacións piden ademais que o concello destine unha partida de douscentos cincuenta mil euros para facer fronte a parte dos gastos do servizo, o que se traduciría nunha rebaixa directa de vinte e un euros por familia.

Os nacionalistas propoñen tamén incrementar as bonificacións fiscais a colectivos vulnerables. Ademais dos perceptores da Risga propoñen unha redución do cincuenta por cento para aqueles que cobren pensións non contributivas, persoas con discapacidade ou familias con ingresos inferiores a 2’5 veces o IPREM