A confraría da Illa non descarta acollerse a un cese de actividade por forza maior pola mortaldade do marisco

ILLA> A confraría da Illa de Arousa tamén advirte da situación crítica que está atravesando pola alta mortaldade do marisco. A situación, di o patrón maior, non pinta nada ben, debido á baixa salinidade da auga por mor da chuvia. Nos últimos días os mergulladores recolleron das autorizacións da confraría uns 240 quilos de navallas e ameixas mortas. Dende o pósito estudan medidas, como acollerse a un cese de actividade por forza maior.

As confrarías da ría de Arousa seguen alzando a voz ante unha situación crítica. Hoxe é a da Illa a que alerta da elevada mortaldade do marisco, como se mostra nestas gravacións feitas polos mergulladores insulares. Nunha inspección a comezos de semana retiraron uns 240 quilos de navallas e ameixas mortas.

O patrón avanza que antes de que remate a semana valorarán a situación doutros bancos aos que aínda non accederon por mor do mal tempo que lles impide ir ao mar. As malas condicións meteorolóxicas son, precisamente, o motivo desta situación pola baixa salinidade da auga.

E a cousa, di Rial, non pinta ben. No pósito abren a porta a tomar medidas, como solicitar un cese de actividade por forza maior.

E ao igual que en Vilanova,  non descarta medidas más drásticas que afecten á confraría, en función de como evolucione a crise de mortaldade.

Calcula un ciclo mínimo de tres anos para poder rexenerar todos os bancos que a auga doce está a levar por diante.