As exaltacións gastronómicas continúan en Rianxo coa festa do mexillón

RIANXO> Rianxo segue a súa programación de citas gastronómicas coa exaltación do mexillón que se celebrará esta fin de semana. Ademais de promocionar o consumo deste produto, a festa pretende tamén dar a coñecer o proceso de produción e a importancia do sector miticultor na economía local.

Aínda coa resaca da festa da xouba, Rianxo encara esta fin de semana outra cita gastronómica: esta vez, co rei dos moluscos. Terá lugar o 1 e 2 de agosto con degustacións do mexillón en diversas preparacións.

O concello colabora con esta festa organizada polo Club de Remo de Rianxo co fin de recadar fondos para seguir mantendo a súa actividade deportiva.

Pero o calendario de degustacións non remata aquí posto que os rianxeiros teñen unha nova cita a próxima fin de semana coa Festa Gastronómica de Leiro.