A Sala Karma de Pontevedra reinvéntase e abre un rastro de Nadal

PONTEVEDRA> “Renovarse ou morrer”. Iso foi o que pensaron dende a Sala Karma de Pontevedra. A sala de concertos máis popular da Boa Vila decidiu reinventarse nestas datas e abrir un rastro de Nadal. Nel poderedes atopar, dende merchandising de diferentes grupos galegos, ata vinilos e incluso cervexas artesanais.

A Sala Karma de Pontevedra daba o seu último concerto o pasado 7 de marzo. Nove meses máis tarde, a sala de concertos decidiu poñer en marcha unha iniciativa para achegar a música a todos os fogares. Aproveitando estas festas, o equipo da Sala Karma decidiu converter este almacén nun incrible rastro de Nadal.

A música enche cada recuncho deste rastro de Nadal, pero ademais do merchandising e dos vinilos, neste establecemento hai tamén oco para os viños e as cervexas artesanais.

Para Marcos Rivas esta iniciativa é un ápice de alento nun ano tan complicado para a cultura e a hostalería.

O equipo da Sala Karma tratou de reinventarse ao longo de todo o ano. De feito, o pasado mes de xuño, a sala de concertos anunciaba que non ía a volver como unha discoteca e que reabrirían como unha cervexería con música en directo. Así e todo, ese proxecto non se puido levar adiante pola crise da Covid e, a moi poucos días para rematar o ano, o seu propietario segue sen saber aínda como e cando van a poder volver.

Mentres a Sala Karma continúa coas súas portas pechadas, todos os que queiran colaborar con eles e mercar un agasallo diferente e orixinal nestas festas pode acudir a este rastro. Un local situado na rúa Nova de Abaixo e que estará aberto ata o vindeiro 5 de xaneiro.