Asalto á Deputación pola defensa de Ence

PONTEVEDRA> Cortes de tráfico, queima de pneumáticos e encerro na Deputación de Pontevedra. Así foi a manifestación celebrada hoxe polos traballadores do sector forestal e provedores de Ence. A protesta durou máis de 7 horas.

Os traballadores de Ence, das empresas auxiliares, transportistas e operarios do sector forestal deron hoxe un paso máis nas súas protestas contra o artigo 18 da Lei do Cambio Climático. En total, unhas 300 persoas participaron esta mañá nunha marcha a pé dende Os Praceres. Unha manifestación que culminou coa queima de pneumáticos no nó de Ence. Este feito provocou o corte ao tráfico na Avenida de Marín en dirección Pontevedra, así como tamén nos accesos á autoestrada e á variante de Marín.

Tras a queima de pneumáticos, os traballadores dirixíronse á Subdelegación do Goberno para esixir un encontro con Maica Larriba. Ademais e malia que xa teñen unha reunión telemática fixada para este xoves co Secretario de Estado de Medio Ambiente, os operarios pediron que sexa presencial e coa Ministra de Transición Ecolóxica. Para conseguilo, unha trintena de persoas encerráronse na Deputación de Pontevedra.

Tras tres horas encerrados, a Policía conseguiu desaloxar o Pazo Provincial pouco antes dás 5 da tarde. Momento no que o secretario comarcal de CCOO mostrou a preocupación dos traballadores de Ence tras a aprobación do artigo 18 da Lei do Cambio Climático en Comisión.

Os traballadores remataron a xornada cunha marcha a pé cara Ence e anunciaron que seguirán manifestándose nas vindeiras semanas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí