PONTEVEDRA> En Pontevedra, o barrio de Monte Porreiro brilla nestas festas coma nunca. E todo grazas a unha veciña que ilumina a súa casa con máis de 300 elementos decorativos de Nadal. Que se prepare Abel Caballero porque Marga González ven pisando forte.
Hai 18 anos, Margarita comezou a decorar a súa casa polo Nadal para contentar aos seus fillos. Cada ano ía aumentando pouco a pouco os elementos e a día de hoxe, iluminar o exterior da súa vivenda converteuse xa nunha tradición.
Actualmente, Marga ten máis de 300 elementos decorativos na súa casa e por suposto non faltan os renos que moven a cabeza, o Papá Noel, nin as estrelas. 300 elementos que supuxeron unha gran inversión económica para esta familia de Monte Porreiro.
A vivenda de Marga non pasa desapercibida para ninguén e, de feito, esta casa converteuse xa nunha parada obrigatoria para todos os veciños.
E aínda que moitos comparan a súa vivenda coa iluminación de Nadal de Vigo, Marga asegura que non lle ten ningunha envexa a Abel Caballero.
Neste Nadal tan diferente, Marga conseguiu expandir a súa ilusión a todo o barrio e asegura que para o vindeiro ano a súa iluminación será aínda máis espectacular.