O Plan Concellos 2023 sobe ata os 44 millóns de euros reforzando as achegas aos máis pequenos

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra xa ten listo o Plan Concellos para o ano 2023. O plan estrela do organismo provincial estará dotado con 44 millóns de euros que beneficiarán sobre todo, aseguran dende o goberno, aos concellos máis pequenos da provincia. Dende o 2016, este plan axudou a financiar case 3.000 obras.

O Plan Concellos repartirá 44 millóns de euros entre os municipios da provincia de Pontevedra durante o ano 2023.

Como en anos anteriores, os fondos distribuiranse en tres liñas. A 1, a dos investimentos, estará dotada con 30,5 millóns de euros. A 2 será a que financie amortizacións, pagos de débeda e gastos e contará cun fondo de 4 millóns. Finalmente, a tres conta con 9,5 millóns de euros que se empregarán na creación de emprego.

Os cartos repartiranse entre os concellos en base a criterios obxectivos. Entre os municipios de ata 10.000 habitantes distribuiranse 19,9 millóns de euros. No caso dos concellos de entre 10.001 e 20.000 serán 14 millóns, mentres que os oito municipios de entre 20.001 e 50.00 habitantes a contía a repartir será de 10 millóns de euros.

Segundo datos da Deputación, dende a súa creación no 2016 o Plan Concellos permitiru financiar case 3.000 obras, realizar 1.400 amortizacións e actividades e crear máis de 7.000 empregos. O plan para o 2023 aprobarase no pleno deste venres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí