VILAGARCÍA> As mostras de pesar polo triplo crime de Valga sucedéronse por todo o país. Na nosa contorna, no Concello de Vilagarcía gardouse un minuto de silencio en condena polo asasinato das tres mulleres.
A repulsa ó triplo crime machista de Valga esténdese por toda Galicia. Foron moitas as mostras de pesar polo asasinato das tres mulleres. En Vilagarcía, membros da corporación municipal e tamén persoal do Concello gardaron un minuto de silencio. Foi este mediodía, escasas horas despois do asasinato, ás portas de Ravella.
Para a tenente de alcalde vilagarcián o crime de Valga é arrepiante. Tania García, láiase da morte de tres mulleres que “estaban no mellor da vida”.
Ademais do minuto de silencio celebrado esta mañá, Vilagarcía tamén vai acoller este vindeiro mércores unha concentración de repulsa. Será ás 8 e media na praza de Galicia.
A de Vilagarcía é unha das máis de 20 concentracións previstas para o vindeiro mércores por toda Galicia. Haberá actos en Pontevedra, Rianxo, Ames, Santiago, VIgo ou A Coruña. Tamén está programado un novo acto para o mércores na propia localidade onde tivo lugar o asasinato. Está prevista para ás 8 do serán do mércores na Plazuela de Valga.
Os colectivos convocantes agardan unha resposta masiva por parte da cidadanía, á altura do triplo crime que está a conmociona-lo país.