RIBEIRA> Ribeira inaugurará este xoves unha pista de xeo. Trátase dunha iniciativa impulsada pola asociación de empresarios na que se implican tamén os concellos de Ribeira, A Pobra e Porto do Son. O obxectivo é favorecer a dinamización do tecido comercial de toda a comarca.
O grupo Fercosti, encargado da instalación da pista de xeo no Malecón de Ribeira, apura estes días os últimos detalles para que poida estar operativa de cara xa a esta ponte festiva. A previsión da asociación de empresarios de Ribeira é mantela ata o 12 de xaneiro para favorecer que veciños de toda a comarca do Barbanza poidan disfrutar desta oferta de lecer durante o Nadal sen ter que desprazarse ata grandes cidades.
Aínda que a iniciativa parte da asociación de empresarios conta coa colaboración dos concellos de Ribeira, A Pobra e Porto do Son como primeiro paso para mancomunar eventos deste tipo que serían moito máis custosos de xeito individual.
Os establecementos destes municipios repartirán entre os seus clientes entradas para a pista de xeo como incentivo para consumir no comercio de proximidade.
O prezo xeral da entrada é de 7 euros aínda que haberá bonificacións para grupos e escolares.











