POBRA> Os nacionalistas aluden ós graves prexuízos medioambientais que poderían producirse, chegando mesmo a afectar á propia ría de Arousa.
O BNG agarda o apoio do resto de forzas da corporación para trasladarlle á Xunta de Galicia o seu rexeitamento á reapertura da explotación mineira para a extracción de cobre nos concellos de Touro e o Pino. Os nacionalistas consideran que o proxecto acarrearía graves prexuízos medioambientais sobre as augas da zona, entre as que se atopa o propio río Ulla, e con el a propia Ría de Arousa, debido ás posibilidades de vertidos altamente contaminantes por metais pesados e tóxicos.
Por esta razón piden que o Goberno autonómico denegue a reapertura e se obrigue á titular da concesión á restauración dos solos e das augas, tanto superficiais coma soterradas, que aínda seguen contaminadas pola anterior actividade mineira.