PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra colaborará cos concellos para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais deste inverno. Esta mañá o presidente Luis López presentou un novo plan provincial. Chámase Plan Vía Depo, está dotado con 8 millóns de euros e diríxese aos concellos de menos de 50.000 habitantes. O obxectivo é axudar ás administracións locais a reparar fochancas, actuar en sistemas de drenaxe ou adecentar accesos a recursos naturais.
A Deputación de Pontevedra mobiliza 8 millóns de euros para axudar aos concellos a arranxar as estradas de titularidade municipal. Hoxe presentouse o Plan Vía Depo, un novo programa extraordinario de achegas para os concellos que servirá para realizar melloras nestes viais, nos accesos a recursos naturais e arranxar os danos provocados polos temporais do inverno.
A axuda está dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Cada un recibirá un mínimo de 50.000 euros. Os cartos restantes dos 8 millóns da liña de achegas repartiranse seguindo criterios obxectivos: superficie, poboación e número de núcleos.
López contrastou a decisión da Deputación de activar este novo plan co abandono que, dixo, sofren as vías de titularidade estatal.
O presidente destacou ademais que dende o comezo do mandato o goberno provincial aprobou investimentos dirixidos aos 61 concellos pontevedreses que mobilizaron case 300 millóns de euros en menos de tres anos.











