A empresa pontevedresa Mardy Electrodomésticos, vítima dunha suplantación de identidade en internet

PONTEVEDRA> Unha empresa de Pontevedra está a ser vítima dunha suplantación de identidade. Trátase de Mardy Electrodomésticos, que esta semana descubriu que existe unha páxina web que copia a súa imaxe, os seus datos e venden produtos ao seu nome, pero que nada ten que ver con eles. Xa presentaron denuncia porque temen o dano que esta estafa pode provocar á súa reputación despois de 55 anos de experiencia no sector.

Se lles falamos de suplantación de identidade, probablemente pensen que estamos a tratar historias lonxanas. Pero precisamente isto é o que está a sufrir unha empresa de Pontevedra, Mardy Electrodomésticos.
Foi a chamada dunha muller que cría que estaba a mercar unha caseta de xardín a través desta páxina web a que fixo saltar as alarmas.

As pesquisas de Benito Domínguez foron máis aló. Os datos que recolle esta páxina web falsa son os de Mardy Electrodomésticos. Todos menos o número teléfono.
Todo apunta a que o obxectivo desta estafa é que o cliente realice unha compra a través desta web e pague por transferencia bancaria. Pero nunca chegará a recibir o produto.

Isto é o que máis preocupa a Benito Domínguez despois de 55 anos de experiencia no sector. Mardy Electrodomésticos ten dúas tendas: unha en Pontevedra, na rúa Virxe do Camiño, e outra no centro comercial A Barca, en Poio. E advirte: eles non venden por internet.

Polo de momento, tomaron as medidas que están na súa man. Puxeron a denuncia onte na Policía Nacional e publicaron a súa historia nas súas redes sociais. Para intentar evitar que máis persoas sexan vítimas deste timo.