Xa está en marcha a Gran Recollida do Banco de Alimentos

PONTEVEDRA> A Gran Recollida do Banco de Alimentos xa está en marcha. Case 2000 voluntarios estiveron presentes hoxe e seguirán mañá en máis de 130 supermercados de toda a provincia para facer posible esta iniciativa. Recollen as doazóns da clientela, sobre todo alimentos non perecedoiros, para poder seguir atendendo ás persoas que o precisan durante o resto do ano. O obxectivo: superar os 350.000 kilos de alimentos.

A maquinaria do Banco de Alimentos está a pleno rendemento.

Este non parar que se viu no supermercado Gadis da rúa Oliva, en Pontevedra, é só un exemplo do que aconteceu hoxe en máis de 130 establecementos da provincia.

Case 2000 voluntarios ofrecen información á clientela desta importante iniciativa. Son unha peza fundamental para conseguir que a Gran Recollida sexa un éxito.

O Banco de Alimentos fixouse este ano un obxectivo ambicioso. Queren superar os 350.000 kilos de alimentos para volver a encher uns estantes case baleiros polo incremento de persoas que precisan axuda.

Piden, sobre todo, doazóns de comida non perecedoira. Especialmente conservas envasadas en cristal. Noutros casos, por decisión dos supermercados, só están permitidas as achegas económicas.

Se hoxe non tiveron oportunidade de deixar o seu gran de area, recorden que esta marea azul continuará nos supermercados pontevedreses durante a xornada de mañá. O importante é que a Gran Recollida deste ano sexa, como en edicións anteriores, un éxito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí