As mellores orquestras galegas farán parada en Ribadumia na Festa do Tinto do Salnés

RIBADUMIA>  Todo listo en Ribadumia para que arranque a LI Festa do Tinto do Salnés. Vai arrancar o vindeiro xoves, con boas expectativas en canto a participación. E non é para menos porque a cita reúne todos os ingredientes para que sexa un éxito. Ademais do bo viño, ata a Festa do Tinto achegaranse as mellores orquestras galegas, enchendo de troula Ribadumia durante catro días.

O viño volve manchar as cuncas no concello de Ribadumia. No municipio teñen todo a punto para gozar da Festa do Tinto do Salnés e das variedades autóctonas, un evento que acada este ano a súa LI edición e que se prolongará dende o xoves 30 ata o domingo dous de xullo. Esta mañá tivo lugar a xa tradicional presentación da Festa nunha adega. Este ano foi na de Javier Padín, un espazo onde o viño mestúrase co seu talento.

E para iso, un dos ingredientes é a música. Por Ribadumia pasarán as mellores orquestras de Galicia  e outras propostas musicais moi atractivas, como un tributo a Juan Pardo.

Este ano tamén hai novidades para o xantar do sábado. Para unha maior organización, hai só un único punto de venda e as mesas estarán numeradas.

Ademais do gran xantar de confraternidade, a gastronomía estará presente nesta festa cun showcooking da man do Obradoiro de Hostalería do Salnés. Será o venres ao mediodía, co viño tinto como protagonista.

E tamén entenden esta festa como un gran elemento de promoción turística dende a Deputación de Pontevedra. Hoxe, dende o goberno provincial aproveitaban para poñer en valor o gran esforzo que fai Ribadumia para organizar este evento.

A deste ano sera tamén  unha Festa do Tinto pensada para todos e para todas. Ademais dun punto morado de atención a posibles agresións, nesta edición pensouse nas necesidades de tódolos públicos.

Ao mesmo tempo, hoxe aproveitaron para avanzar que o Concello canda a Xunta seguen a traballar na legalización da folla redonda, unha reivindicación histórica que, segundo apuntaron hoxe, está a piques de facerse por fin realidade.