O concello de Ribadumia defende o seu proxecto de peonalización nun longo pleno extraordinario marcado polo cruce de acusacións

RIBADUMIA> O concello de Ribadumia celebrou o pleno extraordinario convocado pola oposición para pedir explicacións ao goberno local polo proxecto da peonalización da contorna do colexio Xulia Becerra Malvar. Nun encontro tenso, goberno e oposición cruzáronse diferentes acusacións. Tras más de cinco horas de pleno, a moción para mellorar o funcionamento democrático do concello foi rexeitada polo voto en contra do goberno local.

O concello de Ribadumia celebrou o pleno extraordinario demandado pola oposición para pedir explicacións polo estado do proxecto da peonalización da contorna do colexio Julia Becerra Malvar. O alcalde comezou a sesión defendendo o seu proxecto.

O segundo punto da sesión tiña que ver coas subvencións que o Concello de Ribadumia solicitara á deputación de Pontevedra. Dende o goberno local defenderon a súa xestión, indicando que si que teñen dereito de uso da estrada provincial e que a Deputación foi moi rigorosa non concedéndolles o plan Reacpon.

A oposición respondeu a estas explicacións acusando ao goberno de mentir e de ocultar información.

Dende o goberno local defendéronse advertindo que o proxecto estaba en fase de estudo e redacción e que non tiñan porqué dar explicacións.

A tensión entre as diferentes partes e o cruce de acusacións alargou o pleno por riba das cinco horas. Finalmente a oposición rematou pedindo máis comunicación ao concello e lamentando que non se fixese máis para intentar recibir a subvención do plan Reacpón. Dende o concello mantivéronse defendendo a súa xestión e a súa transparencia. O pleno rematou co rexeitamento da moción para mellorar o funcionamento democrático da corporación municipal polo voto en contra do goberno local.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí