RIAS BAIXAS> Preocupación polo avance imparable da toxina en todas as Rías Baixas. Nestes momentos as rías de Pontevedra e Muros-Noia atópanse totalmente clausuradas, así como boa parte da de Arousa. En concreto, están pechados 41 dos 52 polígonos das rías.
A presenza da toxina está a causar gran preocupación no sector ante o peche masivo de bateas en toda Galicia.
Case o 80% dos polígonos de bateas de mexillón se atopan pechados á extracción nestes momentos polo avance da toxina lipofílica, popularmente coñecida como diarreica.
Logo dos últimos peches decretados polo Intecmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, 41 dos 52 polígonos da nosa costa se atopan pechados.
En concreto, está totalmente clausurada a ría de Pontevedra e tamén a de Muros e Noia.
Tamén boa parte da ría de Arousa, á que se acaban de sumar novos peches na Pobra, e parte da de Vigo.
A situación non só afecta ás bateas. En canto ao marisqueo hai tamén media ducia de zonas que foron pechadas á extracción entre as rías de Pontevedra e Vigo pola presenza de toxinas lipofílicas nos últimos días.
O máis probable, debido ás condicións meteorolóxicas e oceanográficas actuais, é que continúen entrando toxinas nas rías, polo que os peches irán en aumento durante os próximos días.
Malia esta situación dende o sector insisten en que isto non debe preocupar ao consumidor, sempre que adquira o produto polas canles regulamentarias.











