O comité clínico revisará mañá as restricións de Vilagarcía, Cambados, Vilanova e A Illa

SALNES> O comité clínico revisará as restricións que afectan aos concello do Salnés do nivel alto. Así se decidiu trala reunión mantida hoxe entre os alcaldes de toda a comarca co conselleiro de sanidade. Os alcaldes destas vilas afectadas piden un criterio igualado para todos e que se rebaixen as restricións na hostalería.

O comité clínico revisará mañá as restricións que afectan aos concellos de Vilagarcía, Vilanova, Cambados e A Illa. O conselleiro de sanidade comprometeuse a esta revisión trala reunión mantida cos alcaldes de toda a comarca. As vilas que se atopan no nivel alto protestaron pola falta de igualdade nos criterios.

Os alcaldes piden que se deixe de culpabilizar á hostalería e que se cambien as restricións para que poidan seguir traballando.

A situación epidemiolóxica na comarca do Salnés non deixa de empeorar. Nos concellos que se atopan no nivel alto, Vilagarcía rexistrou hoxe 185, Cambados 102, Vilanova 60 e a Illa 47. As cifras son altas pero algunhas destas vilas non teñen persoas hospitalizadas.

Os alcaldes agarda que o comité flexibilice as restricións, de non ser así continuarán mobilizándose para que se leven a cabo outras medidas.

Na reunión, o alcalde de Sanxenxo tamén propuxo unha medida para evitar os peches da hostalería. Telmo Martín solicitou que se aplique o mesmo control que no ocio nocturno, con probas PCR, test de antíxenos ou certificado de vacinación.