RIANXO> A presidenta de Portos de Galicia desprazouse esta mañá ata Rianxo para manter un encontro coas asociacións de profesionais que operan no peirao do municipio. Susana Lenguas aproveitou a visita para supervisar algunhas obras realizadas a zona como a reparación dos pantaláns ou os departamentos para usuarios que están a executar.
Ademais de coñecer o resultado dos traballos de reparación dos pantaláns nos que Portos investiu 250 mil euros, a titular do ente autonómico supervisou a marcha das obras de construción dos departamentos de usuarios que se están a executar ó carón da lonxa e suporán un investimento de dous millóns. Susana Lenguas adiantou tamén outras actuacións que se acometerán de xeito inminente como a renovación da pavimentación e outras melloras en seguridade.
Tras percorrer as instalacións portuarias, a presidenta mantivo unha xuntanza co patrón maior da confraría e representantes de asociacións de mexilloeiros para coñecer as principais demandas destes colectivos de cara ó cambio de emprazamento do Náutico.
Tanto dende o sector como do propio concello agradeceron o interese da presidenta por coñecer as necesidades do porto rianxeiro para enfocar os investimentos públicos ás obras que contribúan a mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar.