O concello restrinxe o acceso ao porto de Corrubedo

O executivo ribeirense implanta unha serie de medidas circulatorias en Corrubedo co fin de mellorar a seguridade viaria no entorno portuario. O acceso ó peirao e ás rúas anexas estará só permitido para residentes. As medidas estarán en vigor ata primeiros de setembro.

Con estas medidas, xa en vigor, o  Concello pretende evitar a inseguridade viaria no entorno portuario de Corrubedo nos meses de verán, unha época do ano na que a poboación e a afluencia de visitantes aumenta de xeito considerable. O acceso de vehículos motorizados ó porto e rúas da contorna estará limitado só a residentes ata o 1 de setembro, a excepción das propias labores portuarias, emerxencias e servizos de carga e descarga. Entendéndose por residentes tanto os veciños empadroados como aqueles que posúen alí unha vivenda ou residan temporalmente. Os condutores que infrinxan esta norma exporanse a unha sanción. Por outra banda, o executivo ribeirense tamén habilitou un novo aparcadoiro gratuíto de 4.000 metros cadrados con entrada e saída dende o tramo inicial da estrada do Faro. A zona de estacionamento, cunhas 150 prazas, sumarase á xa existente na rúa Buenos Aires.