PONTEVEDRA> Universidade de Vigo e Xunta de Galicia mobilizan máis de 4,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos tres campus. Hoxe a reitora Carmen García e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración. No que se refire ao campus de Pontevedra, o acordo destina 285.000 euros a dúas actuacións: a planificación dun novo espazo para Belas Artes e o desenvolvemento do campus CREA, e á actualización do proxecto de ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
A Universidade de Vigo busca dar resposta ás necesidades de espazo que dende hai anos trasladan dende o campus de Pontevedra. Hoxe o ente asinou coa Xunta de Galicia un convenio que destina 285.000 euros a este fin.
Así, a maior parte do orzamento, ata 240.000 euros, destinaranse a avanzar na planificación dun novo espazo para Belas Artes, Deseño e o desenvolvemento do campus CREA. Tamén á elaboración dun plan director.
En canto aos 45.000 euros restantes, empregaranse para actualizar o proxecto de ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
O convenio asinado hoxe entre a Universidade de Vigo e a Xunta mobiliza máis de 4,3 millóns de euros, dos que a Xunta achega máis de 3 millóns. No seu marco tamén se actuará nos campus de Vigo, con proxectos como a instalación dun sistema de calefacción xeotérmica na Facultade de Filoloxía e Tradución, e de Ourense, con 2,5 millóns para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.











