Pontevedra suma dúas placas ao seu Memorial en recordo das vítimas da violencia machista na provincia este 2026

PONTEVEDRA> Pontevedra foi o escenario esta mañá de tres actos reivindicativos co gallo do 25N. O concello celebrou o seu diante da Audiencia Provincial. Alí inauguráronse dúas novas placas no memorial das vítimas da violencia machista, en recordo dos feminicidios rexistrados na provincia neste 2026.

María Belén Fernández, 52 anos, Mos, asasinada pola ex-parella o 1 de febreiro e María Lidia Conde Souto, 81 anos, Ponteareas, asasinada polo seu fillo o 13 de setembro. Son os dous nomes de pontevedresas que dende hoxe se suman ao Memorial das vítimas da violencia machista do concello de Pontevedra.

No chan da praza hai actualmente 38 círculos, recordando a todas as vítimas dende que hai rexistros: 36 negros, con datos das mulleres asasinadas e 2 brancos, coas iniciais das dúas irmás vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos. O memorial inclúe un disco máis grande que interpela a toda a sociedade.

Ademais de concelleiros de todas as formación, neste acto participaron o presidente da Audiencia Provincial, Jacinto José Pérez, e a maxistrada especializada en Violencia de Xénero, Belén Rubido. Pérez Benítez lembrou que en xuño de 2027 entrará en funcionamento o xulgado único que dende Pontevedra asumirá os casos de violencia machista do norte da provincia.

O de hoxe foi o acto central da programación posta en marcha polo concello de Pontevedra este 25N.