O Banco de Alimentos forma 200 voluntarios para a súa Gran Recollida 2021

PONTEVEDRA> O Banco de Alimentos ultima os preparativos para a Gran Recollida deste 2021. Unha campaña que non sería posible sen a colaboración dos voluntarios. Neste caso serán 200 os que informarán aos posibles doantes das opcións para facer as súas achegas. Unha figura especialmente importante este ano, cando o Banco muda o sistema de doazóns: todas serán virtuais.

O Banco de Alimentos pon a súa maquinaria a funcionar para a cita máis importante do ano. Entre o 19 e o 25 deste mes desenvolverán a súa Gran Recollida, a acción que lles permite encher as despensas con recursos que despois reparten entre os fogares máis necesitados.

Unha campaña moi importante na que é fundamental o papel do voluntariado. Ata 200 participarán este ano e onte recibiron unha charla para coñecer cal será a súa función.

Unha colaboración que volve ser diferente ao que nos tiñan afeitos. Por mor da pandemia, a ONG xa non recolle alimentos físicos. As achegas serán 100% virtuais e poden facerse mercando cestas solidarias, mediante unha transferencia a través de www.bancoalimentos vigo.org e Bizum co código 01139 ou ao pasar por caixa no supermercado.

Aquí os voluntarios terán un papel fundamental, informando aos posibles doantes destes cambios e de todas as opcións que teñen para colaborar.

Na edición anterior, o Banco de Alimentos conseguiu 550.000 quilos de alimentos; unha cifra récord que lle permitiu atender o incremento de persoas vulnerables que requiriron da súa axuda. Este ano a Gran Recollida está apadriñada polo acto vigués Pedro Alonso, coñecido a nivel internacional polo seu papel como Berlín en La Casa de Papel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí