PONTEVEDRA> En Pontevedra, a actualidade política está marcada pola polémica trala sesión plenaria do luns. Dous acordos saíron adiante cos votos de Partido Socialista e Partido Popular, un deles pedindo a reapertura parcial ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. Estes días PP e BNG cruzaron declaracións e mesmo os nacionalistas aseguraron que o pleno foi a demostración de que os socialistas non queren chegar a un acordo para reeditar o bipartito. Hoxe falou o PSOE que asegura que mantén a man tendida a negociar.
O Partido Socialista rompe o seu silencio. Trala polémica xerada polos acordos aprobados no pleno grazas aos votos a favor dos socialistas e do Partido Popular, hoxe volveu tender a man á negociación co BNG para formar goberno.
Puentes fixo un chamamento á calma ante as declaración feitas onte pola alcaldesa en funcións. Eva Vilaverde interpretaba o acordo de PP e PSOE como unha demostración de que os socialistas non tiñan intención de negociar con eles.
O voceiro socialista anunciou tamén que onte enviaron ao BNG o documento que tiñan pendente dende o mes de xuño para continuar coas conversas.
Iván Puentes asegurou que nas reunións mantidas ata o de agora aínda non abordaran programas ou proxectos concretos. Pero confesou que o futuro de Raíña Vitoria estivo e estará sobre a mesa.










