PONTEVEDRA> Un grupo de representantes da Xunta de Persoal do concello de Pontevedra e do corpo de bombeiros seguiron dende o patio de butacas do Teatro o pleno municipal. Xa á saída, acusaron ao goberno local de mentir. Acúsanos de mala organización do parque municipal e das quendas de traballo, e reclaman máis efectivos para mellorar as súas condicións laborais.
Dende o patio de butacas, representantes da Xunta de Persoal do concello de Pontevedra demostraron a súa discrepancia coa intervención da concelleira Eva Villaverde sobre a situación dos bombeiros do parque municipal.
Aseguran que no que vai de ano ningún día traballaron os nove bombeiros por quenda que se marca na teoría, debido aos axustes que son necesarios para que poidan cumprir a súa xornada laboral.
Algo que, aseguran, lles impide planificar o seu día a día e conciliar a vida laboral e familiar.
Insisten en que o cadro de persoal é insuficiente. Consideran que, para que se poida ofrecer o servizo con garantías, deberían poder formarse dous equipos de bombeiros por quenda.
Por iso seguirán reclamando melloras no servizo e nas súas condicións laborais.