PONTEVEDRA> Solidariedade Internacional estrea novo local nas Galerías Oliva, en Pontevedra. A ONG viuse na obriga de deixar a tenda anterior, situada nas mesmas galerías pero no treito que desemboca na rúa Gutiérrez Mellado e cuxa demolición está prevista para finais deste mes. O novo establecemento, máis próximo á rúa Oliva, mantén a mesma aposta polo comercio xusto pero ofrece máis amplitude e máis servizos.
Se estes días se achegan ao comercio que Solidariedade Internacional tiña nas Galerías Oliva atoparano practicamente baleiro. A ONG tivo que mudarse polo inicio inminente dos traballos de demolición do treito que desemboca na rúa Gutiérrez Mellado. Pero non se preocupen. Xa contan cun novo local a escasos metros.
Mudan de tenda pero non de filosofía. Solidariedade Internacional mantén a súa aposta polo comercio xusto, con todo tipo de produtos comprometidos coa sostibilidade.
Este establecemento, ademais, ofrécelles unha posibilidade que non tiñan no anterior. A ONG converterá a planta superior nun espazo de participación, no que ofrecerán actividades e obradoiros.
Todo para consolidar este local como o qué: un espazo de participación, de dinamización, de activismo e de concienciación. Moito máis que unha tenda.