PONTEVEDRA> ‘A túa vida, os teus hábitos, a túa decisión: como previr o cancro de colon’ é o título da charla que hoxe impartiu a doutora María Pellisé en Pontevedra. Pellisé é experta internacional en cancro colorrectal, o tumor máis diagnosticado en España pero tamén un dos que ten mellor prognóstico detectado en estadios iniciais. Nunha cita aberta á cidadanía, dentro do ciclo ‘Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses’ organizado polo Complexo Hospitalario de Pontevedra, esta experta falou prevención e da importancia dos cribados para diagnosticar esta enfermidade canto antes.
É posible que estes días atoparan folletos como este nos seus vehículos. Se foi o caso saberán que hoxe o instituto Valle Inclán acolleu unha charla da doutora María Pellisé, experta internacional en cancro colorrectal.
No ano 2023 detectáronse en Galicia máis de 2.700 casos de cancro de colon pero en moitos casos a enfermidade pode previrse. Na charla desta tarde, ‘A túa vida, os teus hábitos, a túa decisión: como previr o cancro de colon’, a doutora Pellisé ofreceu algunhas claves.
Tamén temos ferramentas para detectar o cancro de colon canto antes. En Galicia funciona dende o 2013 o cribado desta enfermidade. Unha proba sinxela que busca sangue oculto nas feces dirixida a persoas de entre 50 e 74 anos. Un test que se poden facer na casa.
Dende a súa entrada en funcionamento, o cribado serviu para detectar máis de 2.900 cancros en toda Galicia. A maioría deles, en estadios iniciais e, polo tanto, cun prognóstico moi optimista.
Pero a pesares destes datos, a participación nos cribados mantense por debaixo do 50%. Polo que é preciso facer pedagoxía coa cidadanía.
Ademais desta charla para o público xeral, a doutora Pellisé ofrecerá mañá unha clase maxistral dirixida aos profesionais. Desta volta, sobre a endoscopia avanzada.
O paso de Pellisé por Pontevedra enmárcase no ciclo de conferencias ‘Pontevedra, quen pasa? Seis expertos en saúde, seis meses’, organizado polo Servizo do Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.











