A corporación rianxeira decreta tres días de loito pola morte do edil Ricardo Besada

    RIANXO> O funeral polo concelleiro do Partido Popular tiña lugar ás seis desta tarde na igrexa parroquial. Coa lembranza aínda recente dun pleno extraordinario semellante celebrado pola morte do edil socialista, Carlos Gey, a corporación municipal rianxeira volveu a reunirse este mediodía para renderlle tamén homenaxe a outro concelleiro, neste caso o edil do Partido Popular, Ricardo Besada que falecía repentinamente o pasado martes. O alcalde, Adolfo Muíños, foi o encargado de dar lectura a unha declaración institucional asinada por tódolos grupos políticos con representación municipal na que se establecía decretar tres días de loito oficial e porse a disposición da familia para participar nos actos que se establezan. Aínda así as palabras máis emotivas viñeron da man da tamén edil e voceira popular na corporación, Vanessa Martínez, compañeira de filas do finado. Ás seis desta tarde tivo lugar o funeral na igrexa parroquial de Rianxo ó que acudiron numerosas persoas, que quixeron acompañar á familia de Ricardo Besada nestes difíciles momentos.