X.M.Pena: ‘As Administracións públicas deben protexer ós máis necesitados’

    RIBEIRA> Cada vez son máis os casos de familias que se achegan á Plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza en busca de axuda. Dende a Plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza consideran que este caso, agora denunciado, é un exemplo máis dos moitos que se dan nesta comarca. A maioría das familias que chegan á entidade en busca de axuda atópanse desesperanzados e xa cansos polos atrancos que lles poñen dende as distintas Administracións. Un dos últimos casos foi o deste matrimonio de Ribeira, con dez fillos, oito deles menores de idade, ó que o concello decidiu embargarlle as contas debido ó impago dos recibos da auga e do lixo. Fontes do propio concello de Ribeira informaron de que esta familia levaba máis dun ano sen acudir polo departamento de Servizos Sociais, polo que descoñecían a súa situación. Dende o concello sinalaron tamén que tampouco solicitaron o aprazamento dos pagos ou o seu fraccionamento. Ademais antes de proceder ó embargo das contas, realízanse diversos avisos polo impago dos servizos e ó parecer esta familia fixo caso omiso deles, sen presentar ningunha alegación que xustificara a súa situación, razón pola que se procedeu ó embargo da conta.