Satisfacción en Arousa pola decisión da Xunta de retirar o proxecto de reapertura da mina de Touro

BARBANZA> Ponse fin así a un longo proceso iniciado hai máis de dous anos pola multinacional suíza Atalaya Mining que pretendía reabrir esta explotación mineira de cobre pechada dende hai anos. A consellería de Medio Ambiente emitiu informes desfavorables ó proxecto na declaración de impacto ambiental.

Máis de dous anos despois de iniciarse a súa tramitación a Xunta dá marcha atrás e desautoriza a reapertura da mina do Touro e O Pino. Di agora que a decisión responde ós informes negativos detectados na declaración de impacto ambiental. A paralización do proxecto chega despois de numerosas mobilizacións, non só nos concellos afectados, senón tamén noutras comarcas, especialmente a Ría de Arousa.

O patrón maior rianxeiro mostrouse satisfeito coa decisión ó considerar que a reapertura da mina traería graves consecuencias para a zona, especialmente para os bancos marisqueiros e os polígonos de bateas.

A declaración de impacto ambiental será remitida agora á consellería de Industria para que paralice o proxecto. Un aspecto este do que aínda desconfían, ó considerar que pode ser unha estratexia do Partido Popular de cara ós vindeiros comicios autonómicos. Á empresa promotora quédalle a vía do recurso do contencioso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí