RIANXO> A través dun comunicado, respaldado dende o Concello, a comunidade educativa do Colexio Rural Agrupado mostrou o seu total rexeitamento coa decisión da consellería de Educación.
En total suprimiranse tres profesores para o vindeiro curso escolar. Neste caso afectarían a dúas titorías e á praza de Pedagoxía Terapéutica.
Dende o CRA critican que a estas alturas, apenas a escasas semanas do inicio do curso, non dispoñan de información nin instrucións con respecto á situación na que quedará o alumnado e o profesorado.
Din non entender esta decisión de Educación, máxime cando para o vindeiro curso escolar hai matriculados un total de 116 alumnos, unha cifra moi semellante á destes anos anteriores.
Dende o CRA din tamén descoñecer se terán que xuntar aulas, ata o de agora independentes, o que significaría acadar unha ratio moi elevada, con varios casos de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ou se pola contra, habería que reubicalos en centros próximos, noutras parroquias do Concello, xerando tamén unha gran preocupación e malestar nas familias.