¿Imaxinan un pobo con dez veciños e 1700 turistas?. Pois existe. É a Illa de Ons e coincidindo co Día Mundial do Turismo, o Presidente da Deputación de Pontevedra visitou esta zona do Parque Nacional das Illas Atlánticas para coñecer as necesidades máis urxentes, tanto en materia de infraestructuras como de salubridade pública. E non son poucas. O embarque tiña lugar pasadas as 11 da mañá no porto de Bueu. O obxectivo da viaxe era coñecer in situ as medidas urxentes que acometerán conxuntamente a Deputación, o Concello de Bueu e o Parque Nacional. A primeira e mais importante actuación pasa por eliminar os verquidos residuais, que actualmente van parar directamente ó mar. Segundo Rafael Louzán, Pte. da Deputación de Pontevedra, os terreos serán estudiados en breve e a empresa responsable xa está adxudicada. Na visita tamén se coñeceron as necesidades básicas coas que conta a zona de acampada libre, ós accesos ó faro -nos que se estudará a pavimentación do firme-, a antiga capela e o cemiterio, -inutilizado dende hai 30 anos-, a actual igrexa, en estado ruinoso e que non puido ser visitada por un problema coa pechadura, a necesidade dunha normativa urbanística que regule as construccións ou a rede secundaria de auga e saneamento. Moitas melloras que Elena Estévez, Alcaldesa de Bueu, coa axuda das entidades e organismos competentes, confía paliar canto antes. Precisamente o Director do Parque Nacional excusou a súa visita, pactada hai 15 días nunha xuntanza mantida entre os representantes das 3 institucións. A illa conta na actualidade con 6 horas diarias de luz, unha marxe que pretende ser ampliada cun cable submarino e que actualmente está en estudio. Outra das demandas e que será a segunda actuación que se levará a cabo é un posto da cruz vermella e primeiros auxilios que funcionará nos meses de maior afluencia de visitantes. Este convenio de colaboración actualmente está en trámites e comezará a funcionar en 2006 e anualmente de xuño a setembro. O problema da auga é tamén acuciante: ons conta con 15 manantiais que tralo verán e os incendios se viron reducidos a 4, o que imposibilita o bo suministro a tódolos veciños. Curiosamente e pese ós tan só 10 veciños que viven actualmente na illa de ons, conviven dúas asociacións veciñais con posturas contrapostas. O propio presidente da deputación tentou mediar entre ambas entidades e manifestou que todalas actuacions previstas irán encamiñadas a un mellor nivel de vida para todolos veciños sen distincións. Sen embargo, ambas asociacións protagonizaron unha intensa disputa. A visita remataba a media tarde, co compromiso firme da deputación de pontevedra e do concello de bueu de comezar as actuacións canto antes: prevese que en semana santa a illa de ons estea preparada turísticamente para recibir a visita de miles de turistas.
Inicio Salnés - Caldas