Reunión PSOE Ribeira con Méndez Romeu—

    O voceiro do Partido Socialista de Ribeira, Xosé Vicente Domínguez, analizou onte nunha xuntanza mantida co conselleiro de Presidencia da Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu, diversos actuacións que considera de interese para o municipio, entre os que se atopan entre outras o desdobramento da vía rápida do Barbanza ou varias obras de saneamento.

    O conselleiro de Presidencia da Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu mostrou moito interese na exposición realizada polo voceiro do PSOE de Ribeira na xuntanza que mantiveron co fin de dar a coñecer as necesidades e carencias que actualmente padece o concello ribeirés.
    Pola súa banda, Xosé Vicente Domínguez quixo facer unha análise detallada das actuacións que considera de interese prioritario para a vila, e entre as que se atopan o desdobramento da vía rápida do Barbanza, a creación dun vial de circunvalación dende o polígono de Xarás ata o lugar de Touro, a redacción do Plan Director dos portos da localidade ou a construción da dársena exterior do porto ribeirés.
    Domínguez comentou tamén outros aspectos como a necesidade de realizar melloras de saneamento en varias zonas da vila, así como a ampliación do polígono industrial e a ubicación no municipio dunha oficina de rexistro da propiedade.
    O responsable socialista non esqueceu tampouco a reconsideración do Plan Sectorial de Tecnoloxía Alimentaria e a modificación da normativa sobre navegación e pesca no arquipélago de Sálvora, así como as axudas para o plan de peonalización de Ribeira ou o cumprimento da normativa urbanística vixente.
    O concelleiro de Presidencia mostrouse moi receptivo con respecto a estes temas, e afirmou ter un gran coñecemento das necesidades da comarca do Barbanza e de Ribeira en particular.