Outes homenaxea a San Cristovo cunha multitudinaria procesión a motor

OUTES> O concello de Outes celebrou esta fin de semana a festividade de San Cristovo. Á tradicional procesión de coches entre A Serra e O Freixo seguiulle unha multitudinaria sardiñada na que se repartiron máis de mil quilos de peixe. Centos de vehículos engalanados para a ocasión sumáronse á procesión motorizada na honra de San Cristovo celebrado en Outes. Trala misa solemne, a comitiva, encabezada pola imaxe do patrón dos conductores, partiu da Serra en dirección ó Freixo para percorrer posteriormente o camiño de volta. Finalizada a procesión, os asistentes participaron na sardiñada celebrada na Horta do Muíño. Repartíronse gratuitamente máis de mil quilos de peixe acompañados de pan de millo e viño. A xornada estivo amenizada pola banda de música de Outes e a Escola Municipal de Baile e Música Tradicional. As celebracións continúan este luns en Outes, Día Festivo, con pasarrúas e a verbena nocturna amenizada polas orquestras Galileo e Fania Blanco Show.