A piscina da Pobra estará operativa a finais de ano

    Técnicos da Deputación da Coruña supervisaron está mañá os traballos de construción da piscina climatizada municipal que están a piques de rematar.

    O concello da Pobra do Caramiñal contará cunha piscina climatizada de uso público a finais de ano. Así o puideron constatar os técnicos da Deputación Provincial da Coruña que esta mañá realizaron unha visita ás obras que xa se atopan nun estado moi avanzado. Nestes intres estase a traballar na reparación dos puntos de filtración detectados no perímetro do vaso da piscina así coma na realización de probas contempladas no plano de control de calidade.

    As previsións do concello apuntan a que a nova piscina estará funcionando de cara a finais de ano polo que os servizos de administración xa están a elaborar o expediente de contratación para a xestión do complexo deportivo. Así mesmo, está prevista a realización dun estudo de viabilidade económica, sobre as tarifas e prezos especias para diversos colectivos, que servirá como base para a licitación. Os contratos previstos presentan unha duración de 20 anos e abranguen a xestión de todo o complexo, no que se inclúe un ximnasio e outras instalacións deportivas.

    O alcalde, Isaac Maceiras, amosou a súa satisfacción trala reunión mantida esta mañá cos técnicos provinciais polo avanzado estado do proxecto e o comezo dos trámites para a licitación.