A rehabilitación da antiga telleira da Fianteira estará rematada este ano

    Os traballos de rehabilitación da antiga telleira da Fianteira, en Vilalonga, poderían estar rematados este ano. Así o confirmou esta mañá o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, tras visitar as obras. O espacio está a ser habilitado para convertilo nun centro de interpretación da natureza.

    O Concello de Sanxenxo prevé abrir ó público en primavera o Centro de Interpretación da Natureza na antiga telleira da Fianteira, no litoral de Vilalonga. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do arquitecto municipal, visitou hoxe as obras de rehabilitación, que se rematarán este ano.

    Recuperar a tradición de fabricación de ladrillos e tellas de cerámica, por en valor o litoral da ría de Arousa e converter a zona nun lugar de encontro social e cultural. Son os principais usos que terá este Centro de Interpretación da Natureza. No seu interior disporanse salas de exposicións, medios audiovisuais, un taller de barro e un centro de documentación, entre outros elementos.

    Na rehabilitación da antiga telleira estanse a empregar ladrillos cor tella para as antigas naves e ladrillo branco nos novos espacios. Só se conservará a chimenea, na que se taparán as gretas para frear o seu deterioro, e os fornos. No seu interior ubicarase unha sala de exposicións fixa que poderá verse a través dun paseo. Na súa cuberta habilitarase unha pasarela.

    O concello investiu 240 mil euros na adquisición da parcela de 16 mil metros cadrados e na antiga telleira, e na súa rehabilitación, 1,2 millóns de euros, con cargo ós fondos europeos Interreg.

     

    Redacción Salnés