![]()
A ONCE dedicará ó Concello de Ribeira o cupón do vindeiro luns 17 de outubro para o que ten previsto emitir unha tirada de seis millóns de boletos.
O Dolmen de Axeitos, situado na parroquia de Oleiros, en Riibeira, será a imaxe que os compradores do cupón da ONCE poderán observar no seu boleto o vindeiro luns, 17 de outubro. O monumento funerario, formado por oito lousas imbricadas sobre unha planta poligonal, conta con máis de 4.000 anos de antigüidade constituíndo un dos vestixios máis importantes da época prehistórica en toda Galicia.
Esta orixinal iniciativa, que levará a imaxe do concello barbanzán por todo o territorio nacional, é produto dunha serie de xestións iniciadas hai tempo polo concello ribeirés para conseguir plasmar un dos seus elementos patrimoniais máis significativos no cupón. Ademais da fotografía do monumento megalítico, o cupón recolle os datos e extensión de Ribeira, cifrados en 27.000 habitantes e unha superficie total de 69 quilómetros cadrados.
O alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, foi o encargado de presentar o modelo do cupón que estará á venda o vindeiro luns. O rexedor amosouse moi satisfeito ante esta iniciativa xa que contribuirá á difusión de Ribeira como un dos concellos máis importantes de Galicia a nivel turístico, combinando múltiples atractivos entre os que destaca a súa riqueza patrimonial.
Torres Colomer despediuse co desexo de que o deseño do cupón sea do agrado de tódolos ribeireses e animando ós veciños a participar no sorteo xa que, esta vez, a sorte pode estar máis preto de Ribeira.
Redacción Barbanza











