O grupo municipal do Partido Popular de Boiro vén de presentar unha moción para a realización do proxecto de actualización e de mellora da estación depuradora de augas residuais do municipio.
Os malos cheiros procedentes da Estación Depuradora de Augas Residuais de Boiro son o principal motivo que levou ó grupo municipal do PP a presentar unha moción na que solicita a actualización e mellora da rede de saneamento. Deste xeito, sería posible coñecer as causas que xeran eses fortes olores e proceder á súa erradicación.
Entre as actuacións propostas figura o estudo de diagnóstico integral da rede de saneamento, a obtención de datos reais sobre a situación dos caudais, marxe de operatividade e dimensionamento. Deste modo, no caso de que fora preciso, procederíase á actualización do sistema realizando os investimentos necesarios para garantir o bo funcionamento da rede.
Segundo os populares, o tratamento dos vertidos debe cumprir as condicións hixiénico-sanitarias que establece a lexislación vixente para garantir un servizo axeitado a tódolos núcleos de poboación. Neste sentido, o voceiro do PP de Boiro, Xoán Xosé Dieste, referiuse ós veciños de Cabo de Cruz, Lampón, Ribeira Grande e Abanqueiro que xa teñen presentado queixas en relación a este problema.
Os populares consideran que a actual rede pode resultar obsoleta a nivel técnico e insuficiente debido ó crecemento experimentado polo concello boirés nos últimos anos. O crecemento demográfico, urbano, comercial e industrial levou á creazón de novas infraestruturas co consecuente incremento das conexións e o caudal de augas residuais que revirten na EDAR.
Redacción Barbanza