A Xunta saca a información pública o proxecto da variante de Ribeira

RIBEIRA> O Consello da Xunta, na súa reunión de onte, aprobaba o expediente de información pública, do proxecto de trazado e de estudo de impacto ambiental da variante de Ribeira.

Con esta actuación búscase dotar á cidade dun novo vial que, de oeste a sur, conecte a autovía do Barbanza e a AC-550, coa estrada da costa.

Segundo o alcalde, Manuel Ruíz, á opción elixida é a que mellor se adapta ás necesidades de Ribeira, e nela incluíronse tamén varias das alegacións presentadas polo Concello.

As previsións do Goberno galego pasan por iniciar xa en outono o proceso de expropiacións, mentres se avanza tamén co proxecto construtivo da primeira fase para así poder licitar as obras canto antes.

As reaccións á aprobación do estudo de impacto ambiental e o trazado para a circunvalación por parte da Xunta non se fixeron agardar.

Reaccións

O BNG pide que se cumpra o acordo  plenario e se realice o estudo sobre o trazado alternativo da circunvalación.

O voceiro nacionalista, Luís Pérez Barral, criticou o xeito de proceder do Goberno Galego, por aprobar o proxecto no mes de agosto, demostrando así o seu desexo de evitar que a veciñanza de Ribeira se decate e proteste.

Tamén acusa ó rexedor, Manuel Ruíz, de pospoñer a realización do estudo comparativo, para así, darlle marxe á Xunta a aprobar o trazado actual.

O nacionalista insiste na necesidade de facer un estudo no que se valore a proposta presentada polo BNG de reformar a estrada de Frións a Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa.

Os argumentos para defender esta alternativa son, segundo el, sólidos, por implicar un menor custe, ademais de provocar un menor impacto ambiental e social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí