RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de sacar a licitación dous proxectos enmarcados no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino. Trátase da creación dun miradoiro en Punta do Castro e a restauración do lavadoiro da Penisqueira, dúas actuación que suman un investimento próximo ós douscentos mil euros financiados na súa totalidade con fondos europeos.
Nas últimas semanas, o concello de Ribeira sacou a licitación unha decena de proxectos en materia de infraestruturas e servizos que suman un investimento de 850 mil euros. Destacan entre eles, as actuacións enmarcadas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para revitalizar espazos con interese cultural, patrimonial e paisaxístico.
Dúas das principais actuacións que veñen de ser licitadas son a creación dun miradoiro e centro de interpretación en Punta do Castro e a rehabilitación do lavadoiro da Penisqueira, cun investimento próximo ós 200 mil euros.
Ademais de todas estas actuacións, o plan inclúe tamén outros proxectos en fase de tramitación como a restauración da nave de Cerqueira e o deseño e implantación da Plataforma Smart Destino Intelixente.











