OUTES> Acompañada do alcalde, Fran Calo, a titular de Medio Ambiente visitou esta mañá o núcleo de Ribadomar.
Alí mantivo un encontro cos propios veciños desta aldea, a quen lles explicou as características do proxecto do futuro Camiño do Litoral de Galicia, unha ruta que vertebrará de norte a sur a costa galega, cun trazado de máis de 1.300 quilómetros, que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta.
A proposta, cun investimento total de 1,1 millóns de euros, prevé o acondicionamento de numerosos viais daqueles concellos polos que discorrerá esta ruta.
Un dos primeiros tramos a acondicionar será precisamente o que una os núcleos de Ribadomar e Seilán, ó seu paso por Outes.
O rexedor outense destacou esta actuación, cun orzamento de preto dos dez mil euros, que contribuirá a poñer en valor aínda máis o municipio.
Unha vez completada a actuación, a Xunta ten previsto instalar tamén unha sinalización especial deseñada para poder identificar de forma clara e homoxénea as distintas etapas do Camiño do Litoral, así como cunha aplicación móbil específica que incluirá todas as etapas do itinerario, información sobre os elementos relevantes recollidos no Catálogo de bens de valor cultural do litoral e outros datos de interese sobre o patrimonio natural característico da zona.











