O executivo ribeirés investirá 75 mil euros na mellora do Lugar de Cubelo

    RIBEIRA > A Xunta de Goberno Local do concello de Ribeira vén de aprobar unha partida próxima ós 75 mil euros para a execución da rede de sumidoiros do lugar de Cubelo en Carreira. Os veciños desta parroquia ribeiresa viñan denunciando dende hai anos a mala situación na que se atopaba esta zona que carecía dos principais servizos básicos.

    cubelo_200_250506.jpgA nova foi recibida con moita satisfacción polos veciños de Cubelo que, por fin, ven atendidas as súas demandas tantas veces reiteradas ante o concello. Os residentes desta zona de Frións denunciaban a falla de rede de sumidoiros que lles obrigaba a habilitar pozos negros no interior das vivendas así como a escaseza de alumeado e de accesos ás vivendas ou o estado de abandono no que se atopaba o seu entorno.

    Con esta partida de preto de 75 mil euros o concello acometerá a execución da rede de sumidoiros e o pozo de bombeo coa que dará por solventada a problemática contaminante nesta zona coa canalización das augas residuais.

    cubelo2_200_250506.jpgA rede de saneamento inclúe máis de trecentos metros de tubos e oito pozos de rexistro. Desenvolverase ademais a acometida eléctrica e a colocación dun sistema de presión a base de bombas somerxidas. Así mesmo, o executivo acometerá unha limpeza integral da zona.

    Esta actuación inclúese dentro do plan de mellora das redes de auga e saneamento de todo o municipio posto en marcha polo concello que vén de concluír a obras na rede da rúa da Carballeira de Ribeira cun investimento de 50 mil euros.

    Redacción Barbanza