A primeira fase do Plan Director do Barbanza concluirá a primeiros de 2009

    mellorashospitalbarbanza_160508.jpgBARBANZA > As obras de climatización no hospital do Barbanza poderían estar rematadas a finais do mes de agosto.

    {flowplayer}barbanza/mellorashospitalbarbanza.flv{/flowplayer}

    BARBANZA > As obras de climatización no hospital do Barbanza poderían estar rematadas a finais do mes de agosto.

    As obras de acondicionamento na planta de hospitalización do hospital do Barbanza marchan ó ritmo previsto. O 8 de maio concluíron os traballos para dotar de sistema de climatización a primeira fase da área de Medicina Interna, que comprende dez habitacións, dúas das cales se habilitaron para pacientes aillados. Esta mesma semana se iniciaron as obras na segunda fase que se prevé rematarán nun prazo de seis semanas. Os traballos continuarán cunha terceira fase na zona de materno infantil e a cuarta na área cirúrxica.

    Segundo a dirección do hospital, estas obras, que contemplan o ensanchamento das portas, a instalación do sistema de climatización, o revestimentos das tubaxes e o acondicionamento das habitacións ailladas, estarán rematadas a finais do mes de agosto.

    Reforzo Hospitalización a Domicilio

    Mentres tanto, para suplir a falla de camas derivada das obras reforzouse o servizo de Atención a Domicilio que conta na actualidade con tres coches, tres médicos e cinco enfermeiros.

    Hospital de día

    Paralelamente, estanse a realizar obras na zona do arquivo, onde se van trasladar os laboratorios de Anatomía Patolóxica e de Análises Clínicas. No espazo que deixarán libres estes dous departamentos na primeira pranta habilitarse o hospital de día, con nove prazas, onde poderán recibir asistencia os pacientes dermatolóxicos, reumatolóxicos, hematolóxicos e oncolóxicos sen necesidade de desprazarse fóra da comarca.

    Todas estas actuacións compoñen a primeira fase do plan director do hospital barbanzán que estará concluida durante o primeiro trimestre de 2009. Así mesmo, a xerente do hospital informou de que xa está en marcha o proxecto para a construción do heliporto na zona dos aparcamentos asíc omo tramitación dos permisos de aviación civil. Dado que a obra suporá unha redución das prazas para estacionar, a dirección pretende iniciar os contactos para habilitar novos aparcamentos nalgunha finca colindante.

    Melloras asistenciais

    Dende a dirección do centro valoran moi positivamente a realización destas melloras que suporán unha inversión superior ós tres millóns de euros. Ademais da corrección dos déficits estruturais que presentaba o centro, estanse a corrixir moitas das eivas asistenciais e organizativas herdadas da anterior xerencia.

    Así, nos úlitmos dous anos procedeuse á integración da centralita telefónica do hospital do Barbanza na rede do Sergas, informatizouse o sistema, implantouse a epidural nos partos dende o 2007 e creouse unha unidade otoneurolóxica.

    Demagoxia

    Ante estas melloras, a actual directora non entende as críticas vertidas dende o Partido Popular á súa xestión polo que calificou as palabras do voceiro dos populares de ‘exercicio de cinismo e demagoxia’.

    Redacción Barbanza