Galicia e Costa Rica colaborarán no desenvolvemento do sector pesqueiro. O presidente da república costaricense asinou co mandatario galego un memorandum de entendemento para iniciar canles de traballo en común. Esta mesma mañá visitaba xunto coa conselleira de Pesca o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa.
O presidente da República de Costa Rica, Abel Pacheco, aproveitou a súa presencia na Cumbre Iberoamericana de Salamanca para achegarse a Galicia e coñecer de primeira man o sector pesqueiro da nosa comunidade. Tras asinar xa un protocolo de colaboración co presidente da Xunta, hoxe visitou coa conselleira de Pesca, Carmen Gallego, varios centros dependentes deste departamento, como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa.
A intención do goberno costaricense é enviar unha delegación a Galicia para coñecer de primeira man o seu desenvolvemento pesqueiro. Con estes coñecementos pretenden recuperar para o cultivo mariño o Golfo de Nicoya, a única ría da costa pacífica centroamericana. Para este proceso xa contan co compromiso da Xunta, que lles aportará axuda técnica.
O presidente costaricense veu acompañado da súa esposa ademais do ministro de Comercio Exterior, Manuel González, e da embaixadora de Costa Rica en España, María Elena Pozuelo. A conselleira estivo acompañada do director xeral de Estructuras, Manuel Cabirto, do asesor de Asuntos Internacionais, Juan Pisto, e da delegada provincial Ángeles Montero. Ambas delegacións visitaron os distintos departamentos do Igafa e seguiron con atención o proceso de cría de distintas especies que se desenvolve neste centro, baixo as explicacións da directora María Aránzazu González, e da vice-directora, Isabel Fernández.
Redacción Salnés