Rouban preto de 200 castiñeiros no monte de Renza

VILAGARCÍA> A comunidade de montes de Sobrán, en Vilaxoán, denuncia o roubo de centos de castiñeiros. Os comuneiros están a repoboar a zona con este tipo de árbores, e é a terceira vez que detectan a desaparición de exemplares. Xa denunciaron ante a Policía Nacional, pero piden a colaboración veciñal para atopar os ladróns que xa lles supuxeron perdas de preto de 1.600 euros.

A repoboación do monte da zona de Renza, en Vilaxoán, non está a ser unha tarefa sinxela. Por terceira vez no que vai de ano, a comunidade de montes denuncia a desaparición dos exemplares de castiñeiro que están a plantar.

Desta volta foron 65 os castiñeiros desaparecidos, pero hai que sumalos aos 115 que levaron da zona de Coruxo no mes de abril e os 31 de marzo. Roubos que xa supoñen unhas perdas de 1.600 euros á comunidade e que están denunciados ante a Policía Nacional.

A comunidade de montes de Sobrán está a plantar tamén outras especies, como o carballo, pero só os castiñeiros chaman a atención dos ladróns. Agora piden tamén a colaboración veciñal para intentar dar con eles.

Manuel Barcala lamenta esta situación. Recorda que con esta repoboación o que se busca é mellorar a zona para que todo o mundo poida desfrutar dela. Ademais, as árbores roubadas exercían de marxes dunha pista forestal que actúa coma cortalumes nunha zona na que predominan os eucaliptos.