A remodelación de Virxe das Mareas comezará este ano

    virxedasmareas_100.jpgO GROVE > O proxecto de remodelación e humanización do barrio Virxe das Mareas, no Grove, comezarase este mesmo ano. Porén o executivo local calcula que non …

    .. será ata dentro de tres, cando a actuación estea completamente rematada. A iniciativa consiste nun proxecto integral para o todo barrio que se dividirá en tres etapas. As dúas primeiras executaranse entre este ano e o vindeiro, mentres que a terceira, na que estarían incluídas as vivendas e as rúas que dan á fachada litoral, terá que agardar a que Costas desafecte estes terreos, incluídos na franxa protexida dos 20 metros.

    O proxecto deseñado polo Concello e a Consellería de Vivenda e Solo é unha actuación integral para todo o barrio, que inclúe melloras no saneamento, na traída de augas, canalizacións de gas e electricidade, así coma rebaixar o nivel do chan. A actuación tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano, a humanización e mellora do entorno e a peatonalización das rúas. O obxectivo, acadar un barrio máis cómodo, accesible e seguro e cunha imaxe máis uniforme.

    Con máis de 50 anos de antigüidade, a Virxe das Mareas é unha das urbanizacións máis emblemáticas do Grove, pero tamén das máis esquecidas e marxinadas á hora de mellorar as súas infraestruturas. O orzamento para as dúas primeiras fases do proxecto é 245.000, dos cales a Consellería de Vivenda e Solo aporta un 80 do presuposto. Para a terceira fase, que o Concello espera ter rematada antes de 3 anos, haberá que negociar outro orzamento para o vindeiro ano. Mentres, esta tarde os responsables municipais reuniranse cos veciños do barrio para explicarlles os pormenores do proxecto.

    Redacción Salnés