POBRA> A procesión das Mortallas, dentro das festas na honra ó Divino Nazareno, é un dos actos relixiosos máis singulares da comarca. Destaca pola súa orixinalidade, e remóntase a unha tradición instaurada na localidade xa no século XV polo daquela rexedor da vila, Xoán de Liñares.
Despois de dous anos sen celebrarase por mor da covid, a procesión volveu a reunir a miles de persoas. Algunha delas mesmo en calidade de ofrecido, agradecendo ó Nazareno que intercedera por elas para afastalos dunha morte que xa vían preto. Na procesión este ano desfilaron un total de 5 ataúdes, 3 infantís e 2 de adultos, algún menos que en edicións anteriores.
Acompañando á procesión, ademais da xente, varias bandas de gaitas e de música que dotaban de son ó impresionante desfile relixioso.
Un dos momentos máis emotivos foi o da tradicional traca de bombas de palenque que se botan cada ano ó paso do Santo pola Covecha, dende que o instauraran uns mariñeiros da zona hai xa unhas cantas décadas.
Alí é ademais o lugar onde a xente bendice todo tipo de obxectos na imaxe, para contar coa axuda e intercesión do Nazareno.
As celebracións do nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego, chegarán ó seu fin hoxe luns co grande espectáculo de fogos artificiais.