Fole reclama desculpas públicas polas acusacións que recibe do PSOE

    O portavoz do PP de Vilagarcía, Tomás Fole, arremeteu hoxe duramente contra o alcalde Javier Gago e o seu grupo de goberno. Considera que o PSOE está a verter acusacións moi graves contra a súa persoa e reclama desculpas públicas.

    A relación entre os grupos municipais do PP e PSOE de Vilagarcía está que arde. Unha carta remitida polo alcalde Javier Gago ó voceiro popular Tomás Fole esta semana fixo saltar as chispas. O rexedor acúsao de facer unha oposición destructiva e baleira de contido, con xestos de cara á galería e permanente obsesión pola presencia mediática.

    Gago fai referencia a unhas preguntas formuladas polo PP acerca das obras de eliminación de barreiras. O grupo popular ademais de presentalas por escrito no concello deunas a coñecer ante os medios de comunicación. O alcalde critica logo que o PP non só faga as preguntas senón que xa construíra as respostas con descalificacións. Polo tanto comunícalle a Tomás Fole que se sinte liberado de contestar este escrito e que fará o mesmo en futuros casos. O portavoz popular criticou duramente o contido desta carta e pídelle a Gago que faga un protocolo de actuación para a oposición. 

    Tomás Fole criticou tamén ó grupo socialista por verter contra a súa persoa acusacións, unhas demagóxicas e outras moi graves. Fálase de que o voceiro popular está a beneficiar a certas empresas co seu cargo de edil e, por iso, Fole non pasa. 

     A pesares deste enfado, Fole presentou ós medios unha serie de fotografías nas que se aprecia que aínda permanecen barreiras arquitectónicas despois de rematada a primeira fase do plan de accesibilidade.

    Redacción Salnés