Concienciar á cidadanía de que o acoso escolar é un problema social que vai máis aló dos colexios. É o principal obxectivo das xornadas sobre Acoso Escolar organizadas por Cruz Vermella en Pontevedra. Ata mañá, psicólogos e orientadores de universidades españolas expoñen diversas experiencias e métodos para loitar contra o chamado bullying.
Entre un 5 e un 10 por cento do alumnado en España padece algún cadro severo de acoso escolar. Son cifras que se deron a coñecer hoxe nas Xornadas sobre Acoso Escolar, que se celebran no Pazo Provincial, en Pontevedra. Ata mañá varios expertos abordarán distintos aspectos deste problema que implica a toda a sociedade, segundo palabras do delegado provincial de Educación, José Cristóbal Fernández. Na inauguración das xornadas pediu unha colaboración entre ensinantes e os servizos sociais dos concellos.
As idades claves están entre 7 e 9 anos e entre 13 e 15, xusto no tempo en que os cativos lle dan máis importancia ó grupo que á propia familia. Os expertos que participan nestas xornadas aportan unha serie de pistas para detectar non só ó neno que sufre de acoso, senón tamén a que o comete. Nora Rodríguez, pedagoga especialista en Acoso Escolar, explicou que o neno acosador adoita desfrutar con xogos e programas televisivos violentos e pode chegar a traer á casa obxectos que non son seus. No caso do rapaz acosado, pode fuxir cara adiante ou cara atrás. Segundo sinala Nora Rodríguez,. pode refuxiarse nos seus estudios, sair cada vez máis e mesmo consumir alcohol. Pero tamén se dá o caso do rapaz que se pecha en si mesmo e non se relaciona cos demais coma antes.
O problema para estes nenos que padecen acoso escolar agrávase cando impera a lei do silencio nas aulas. Joaquín A. Mora, profesor de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Sevilla, fala dos chamados "cómplices pasivos", é dicir, os propios compañeiros do alumno que presencian os abusos pero non actúan. Os expertos estudian dinámicas para que tanto profesorado como os propios compañeiros non calen e, pola contra, actúen de soporte psicolóxico das víctimas.
Redacción Salnés