OUTES> Chega o outono e chega tamén unha das citas xa habituais co cine documental vinculado ó medio mariño e ó sector pesqueiro en Outes, como é a Mostra Internacional de Cine Documental ‘Mares da fin do Mundo’.
A cita, que chega este ano a súa sexta edición, a cuarta en territorio outense, desenvolverase do 1 ó 5 de novembro.
O programa será amplo e variado, con proxeccións, faladoiros e outras actividades nas que destaca tamén o propio certame ou competición oficial na que este ano participarán un total de 15 traballos chegados dende diferentes países.
Dende o Concello, un dos principais patrocinadores, xunto coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Linguística, destacaron a importancia do Festival, que ademais de poñer a Outes no mapa a nivel internacional, servirá tamén para por en valor un dos nosos recursos naturais máis valiosos, como é o mar, cunha especial vinculación co municipio.
Como en edicións anteriores continuarase coas seccións Proa e Popa, nas que se programarán proxeccións de películas e documentais na vangarda do cinema da realidade e outros de arquivos e filmes históricos.
A Mostra completarase tamén con proxeccións especiais, a inaugural este ano da man de ‘Matria’ do director, Álvaro gago, e outras actividades paralelas nas que se incluirán faladoiros, charlas, obradoiros de cinema ou exposicións, este ano a cargo do fotógrafo Antonio Nodar, que será o convidado especial do Festival.